Xunta e concello investirán cen mil euros para mellorar o mercado de Noia

    NOIA> O concello de Noia destinará cen mil euros á renovación do pavimento da praza de abastos. A obra, cofinanciada pola Xunta de Galicia, dará comezo de inmediato xa que ten que estar finalizada antes do trinta de novembro. A aposta do concello de Noia pola dinamización do comercio local tradúcese en investimentos como o que se vai acometer na praza de abastos da localidade. En colaboración coa Xunta de Galicia, que financia aproximadamente o setenta por cento do proxecto, investiranse cen mil euros na renovación do enlousado da planta baixa e das escaleiras. As obras comezarán a executarse nos próximos días co obxectivo de estar rematadas antes do trinta de novembro, para cumprir cos prazos derivados da concesión da subvención. A directora xeral de comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta, Belén Docampo, visitaron esta mañá o recinto para supervisar os espazos onde se van acometer os traballos.