Precísanse 20 operarios de limpeza de praias e 37 socorristas

    RIBEIRA> O executivo ribeirense vén de informar da apertura dos prazos de inscrición para a contratación de novos traballadores municipais para a tempada de verán. Como vén sendo habitual por estas datas, o concello de Ribeira fixo público a apertura dos prazas de inscrición para a contratación, con carácter temporal, de 20 operarios de limpeza de areais e 37 socorristas, así como tamén tres xefes de praias. Os interesados deberán inscribirse no Rexistro Xeral do concello. Aquelas persoas que desexen optar a unha praza de peón de limpeza deberá facelo antes do próximo sábado día 30 de maio, mentres que para as outras prazas a inscrición permanecerá aberta ata o mércores 3 de xuño. O persoal a contratar para a limpeza de praias deberá cumprir o requisito de estar en situación de desemprego, e inscrito no Servizo Público de Emprego de Galicia, por un período de seis meses. Aqueles que leven máis de doce meses poderán optar a unha puntuación maior na fase de selección. En canto ás prazas de socorrista ou de xefe de praia deberán estar en posesión do título de socorrista acuático e estar inscritos no Rexistro Profesional de Socorristas.