Desacordo do PP de Boiro ante a suba dos impostos

    O grupo municipal do PP de Boiro vén de amosar o seu desacordo ante a suba dos impostos municipais anunciada polo goberno local e que será tratada no pleno extraordinario de mañá. Os populares consideran excesivo este incremento que, na súa opinión, soamente contribuirá a acrecenta-los salarios dos membros do tripartito.

    De “desmesurado” cualifican os membros do PP de Boiro o incremento das taxas municipais proposto polo goberno tripartito para a súa aprobación no pleno extraodinario que se celebrará mañá. Os populares critican a suba de tódolos impostos aínda que centran as súas queixas no incremento experimentado pola taxa de recollida do lixo fixado nun dez por cento.

    Segundo explicou o voceiro do grupo, Xoán Xosé Dieste, este tributo vén experimentando un crecemento continuo dende o 2003 que, acumulado, supón unha suba de máis do 70 por cento. Os populares critican tamén a creación de novos impostos que antes non existían como a plusvalía aplicada ós terreos de natureza urbana, a taxa por aparcamento de vehículos e por ocupación da vía pública ou o imposto por expedición de documentos administrativos nos puntos de información catastral.

    O membro do grupo popular Jorge González referiuse tamén á incapacidade do goberno á hora de executa-los seus orzamentos. Neste sentido lembrou que máis do 60 por cento das cantidades presupostadas para abras nos presupostos do pasado ano están sen executar.

    Redacción Barbanza