L.Oujo: ‘A futura gardería estará rematada antes de finais de ano’

    PORTO DO SON> O rexedor sonense mostrou a súa satisfacción polo comezo das obras da tan ansiada gardería municipal. As obras da futura escola infantil de Porto do Son, que está a ser construída nunha parcela situada na rúa Campo da Atalaia, a escasos metros do propio concello sonense, iniciáronse a pasada semana e, segundo sinalou o propio alcalde, Luís Oujo, marchan a bo ritmo. O rexedor local confía en que a actuación poida estar rematada a finais deste ano, aínda que haberá que agardar ata o curso 2015-2016 para que entre en funcionamento. A consellería de Traballo e Benestar investirá nesta actuación uns 410 mil euros. Contará cun total de 41 prazas de idades comprendidas entre os cero e os tres anos e segundo sinalou o rexedor sonense permitirá fomentar a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños deste concello.