![]()
CAMBADOS> O próximo sarxento xefe da Policía Local quere esquecer os case oito anos de preitos co concello por irregularidades na oposición.
{flowplayer}images/salnes/031109_poli_local_cambados.flv{/flowplayer}
Non foi doado o camiño de Maximino Cid Ferro para chegar a estar hoxe aquí sentado. O seu periplo comezaba no 2001, cando decidiu opositar á praza de sarxento xefe da Policía Local de Cambados. Superou as probas, e ademais cunha alta puntuación, pero chegado ó final do proceso atopouse cunha serie de atrancos, irregularidades no procedemento polas que decidiu denunciar ó concello. Comezaba así un longo período de enfrontamentos xudiciais nos que Cid ía saíndo vencedor pero que o goberno local sempre recorría. Ata hai quince días. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou en sentencia firme a obriga do concello a conceder a praza de sarxento xefe a Maximino Cid.
Cabe lembrar que no momento no que comezou o litixio, Luís Aragunde, rexedor cambadés, ocupaba o posto de tenente de alcalde, e á fronte do goberno local estaba José Manuel Cores Tourís. Aragunde asegura que tamén Tourís está conforme coa decisión adoptada. Polo tanto a idea agora é partir de cero. Maximino Cid quere esquecer o pasado e emprender con ilusión a súa nova etapa en Cambados.
A incorporación de Cid á xefatura da Policía Local de Cambados podería facerse efectiva a finais deste mesmo mes. Na actualidade ostenta o cargo de axente da policía local de Ourense, de xeito que para incorporarse ó seu novo posto pedirá unha excedencia como funcionario, procedemento que está en curso. Cid asegura que aínda non tivo ocasión de coñecer as instalacións da Policía Local nin ós seus compañeiros, polo que pide tempo e a colaboración do concello.
O día da súa incorporación celebrarase unha recepción oficial, á que asistirán os 14 axentes que conforman agora mesmo o plantel, ademais de representantes daqueles departamentos municipais cos que terá que colaborar, como Protección Civil ou a concellería de Urbanismo.
Redacción Salnés








