Os cabalos de Saiar xa teñen dono

    cabalos_saiar_100_231109.jpgCALDAS> Un veciño de Lugo adquiriunos en subhasta pública por mil euros, aínda que estivo a piques de renunciar a eles pola identificación con microchips.

    {flowplayer}images/salnes/231109_subhasta_cabalos_saiar.flv{/flowplayer}

    Os veciños da parroquia caldense de Saiar respiran xa aliviados. Os 21 cabalos que mantiñan retidos no campo de fútbol teñen dono e novo destino: unha finca de Viveiro, en Lugo, propiedade do fillo de Manuel Capón Cabada. Este gandeiro foi o único poxador na subhasta pública celebrada no salón de plenos da Casa Consistorial. Estaba previsto que asistise outro comprador do Porto do Son, pero chegou tarde e Manuel Capón adquiriu os equinos polo prezo de saída fixado: mil euros. O problema veu despois. Entre as condicións da subhasta figuraba que cada animal debía ser revisado por un veterinario para identificalos cun microchip. O comprador alegou que descoñecía esta premisa e negouse a levar os cabalos se lles poñían este identificador. Unha, porque os preto de 500 euros que custarían os 21 chips debía pagalos o novo dono, e outra porque insistía en que as feiras ás que el asiste non esixen este protocolo, que por outra parte a Xunta aínda non estableceu como obrigatorio. Ó final, Manuel Capón saíu coa súa e levou os cabalos sen chip.

    Rematan así 23 días de andaina nos que os veciños de Saiar se encargaron de manter e vixiar día e noite ós equinos. Agora queda por ver que pasará coas indemnizacións, xa que os mil euros da compra dos cabalos non alcanzan para cubrir os preto de once mil euros nos que se cifran os danos.

    Segundo o presidente da Comunidade de Montes de Saiar, Agustín del Río, 30 persoas denunciaron ante a policía os estragos que os cabalos provocaron nas súas hortas, xa que os animais vivían ceibes no monte e baixaban á aldea en busca de alimento. Pero os afectados, asegura, son moitos máis. Desde hoxe estes cabalos xa teñen un novo fogar. Queda agora por ver cómo se resolve a cobertura dos gastos derivados do seu mantemento e dos danos que ocasionaron.

    Redacción Salnés