VILAGARCÍA> A pasada fin de semana decenas de confrarías enogastronómicas desfilaron polas rúas de Vilagarcía. Un evento cheo de cor e música que só podía significar unha cousa: o capítulo da Confraría dos Viños Rías Baixas volvía celebrarase na vila na súa vixésima edición. Unha cita que comezou co tradicional desfile dende a Casa Consistorial ao Salón García.
Xa no Salón García, o acto comezou co irmandamento. Este ano a Confraría dos Viños Rías Baixas selou o seu vencello cunha confraría veciña, Gastronomía e Viño Corazón do Salnés, de Meaño. De xeito simbólico, ambas entidades mesturaron os seus viños.
Despois comezou a quenda das investiduras. Como confrares numerarios, foron investidos Alberto Ribas, creador do proxecto Alvientoo; José Carlos Otero, presidente do Club de Golf Chan do Fento; os enólogos Mateo Serantes e Carlos Manuel Blanco e o adegueiro Rafael Serantes.
O gaiteiro Óscar Ibáñez; a fundadora da touroperadora Tee Travel Mar Rodríguez e o presidente da Orde do Caldo Antonio Reguera, foron recoñecidos como confrares de mérito.
Pola súa banda, José Antonio Rois, director xeral do colexio Los Sauces, e Isidoro Serantes, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas,foron nomeados confrares de honra.
Ao acto asistiron tamén o concelleiro de turismo de Vilagarcía, a vicepresidenta da Mancomunidade do Salnés o deputado Marcos Guisasola. Todos destacaron a importancia deste evento e o seu poder de convocatoria.
O capítulo deste ano foi especial por varios motivos. Dunha banda, a deste 2026 foi a súa vixésima edición. Da outra, supuxo a estrea dunha nova directiva da confraría enogastronómica. Así, Yolanda Bóveda estreouse como presidenta. Estará acompañada por Ignacio Crespo, propietario da Quinta de San Amaro, como vicepresidente, Leoncio Barreiro como secretario e Alfonso Picans como tesoureiro. Os tres postos de vocal son María Parisina González, Santiago Roma e Manuel Romay.
No marco do acto tamén se fixo entrega de insignias aos membros máis antigos da confraría dos Viños de Rías Baixas, aqueles que levan máis de 15 anos. Entre eles, recolleu o seu recoñecemento o anterior presidente, Suso Paz.
Como despedida, o confrare e gaiteiro Óscar Ibañez interpretou o himno de Galicia.











