PORTAS> As adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas retoman a vendima. Despois dun pequeno conato de inicio que se viu cortado polas chuvias da semana pasada, os viticultores aproveitan o bo tempo e as boas previsións para recoller a uva dos seus viñedos. Unha destas adegas que xa está coa maquinaria a pleno rendemento é a cooperativa Viña Almirante, no concello de Portas.
A vendima en Viña Almirante xa está a pleno rendemento. A cooperativa comezou onte cos traballos de recollida de uva.
Unha vez que a maquinaria está en marcha, non haberá parada. A intención da cooperativa, se o tempo o permite, e facer a recollida ao longo desta semana. Un bo ritmo que tamén se ve favorecido polo bo estado sanitario da uva.
O bo estado sanitario da uva está acompañado tamén pola súa calidade, cuns parámetros que manteñen o nivel da colleita pasada. En canto á cantidade, a cooperativa calcula que se recollerán ao redor de 600.000 quilos nesta vendima.
Con esta recollida, Viña Almirante pechará en campo unha campaña tranquila e coa colleita máis madrugadora da súa historia. Algo que, reflexiona Estévez, afecta a todo o funcionamento da adega.
Trala vendima do albariño, a cooperativa de Portas recollerá o caíño branco da hectárea de viñedo que ten desta variedade, coa que elabora un monovarietal. Polo tanto, a mediados de setembro dará por pechada a vendima deste 2026.











