VILANOVA> O alcalde de Vilanova felicita á garda civil pola súa intervención na festa que organizou o bar La Consetida o pasado venres. A benemérita actuou no local ante a denuncia dos veciños. Gonzalo Durán agarda que o acontecido sirva como exemplo para aqueles establecementos que nun cumpran coa legalidade.
O pasado venres, e dende primeira hora da tarde, o establecemento La Consentida de Vilanova organizou unha festa celebrando a reapertura do local. O anuncio do evento invitou a moitos mozos e mozas da contorna a achegarse á celebración. Dada a gran afluencia de público e o volume da música, os veciños alertaron á benemérita. Pasadas as 10 da noite presentáronse no establecemento ata 6 coches da garda civil e un da policía local, confirmando que no establecemento estábanse a saltar moitas das normas sanitarias impostas pola fase 1 do estado de alarma. Segundo fontes policiais, as persoas que se atopaban na terraza exterior do local cumprían coas medidas de seguridade, situación que non se daba na zona interior, co aforo superado e cos clientes a menos distancia da adecuada. Os axentes obrigaron ao propietario a retirar a música e controlar o aforo para axustarse á normativa vixente. Os feitos chegaron ata o concello, onde o alcalde de Vilanova felicitou a actuación das forzas de seguridade, e agarda que o acontecido serva como exemplo para aqueles establecementos que non cumpran coa legalidade.
Os veciños cuantifican en 100 as persoas que se atopaban na festa, unha cifra diferente á que aportan dende establecemento, situando a cifra na metade de clientes. A garda civil trasladou os feitos á subdelegación do goberno, o establecemento podería enfrontarse agora a unha multa que oscilaría entre os 600 e os 30 mil euros. Ademais, segundo confirmaron algúns dos presentes, a garda civil tamén tramitou denuncias a aqueles clientes que non estaban cumprindo coas normas, así como aqueles que tiñan os seus coches mal aparcados no exterior do local. A actuación das forzas de seguridade non supuxo o peche da Consentida, que estes días continuou abrindo con normalidade.