O POS inclue o separativo de redes en General Franco

    plenoextraordinarioribeira_100_261109.jpgRIBEIRA> A corporación municipal de Ribeira aprobou por unanimidade os proxectos a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación.

    {flowplayer}barbanza/plenoextraordinarioribeira.flv{/flowplayer}

    Os proxectos foron aprobados nunha sesión de urxencia motivada polo fin do prazo para remitilos á Deputación o día 30. Tódolos grupos votaron a favor da proposta do goberno que inclúe como obra principal a pavimentación e renovación de servizos na rúa General Franco e travesía de Padín, cun importe de 552 mil euros.

    Obras complementarias

    No apartado de proxectos complementarios, a realizar no caso de que se produciran baixas doutras obras asumidas pola Deputación, figuran a pavimentación do contorno do cruceiro dos Remedios en Deán Pequeño e a creación dun parque público en Figueirido, dúas obras moi demandadas polos veciños, tal e como lembrou a voceira de IPdR.

    A pesar do acordo con respecto á idoneidade dos proxectos, o portavoz socialista demandou ó goberno un maior control e seguemento das obras para garantir o seu correcto desenvolvemento e un resultado óptimo que evite futuras intervencións.

    A intervención máis polémica correu a cargo da voceira nacionalista, Dominga Brión, quen destacou a xestión desenvolvida polo BNG no goberno da Deputación, destinando fondos para levar a cabo obras tan necesarias para o municipio. A portavoz do PP, Herminia Pouso,  encargouse de lembrarlle que os fondos do POS corresponden ó concello por lei polo que non depende de ningún partido político a designación dunha ou doutra partida.

    Memoria Histórica

    Durante a sesión tamén houbo tempo para o debate sobre a nomenclatura da rúa obxecto de mellora. Os nacionalistas recriminaron ó goberno que non se procedera ó seu cambio en virutde da lei de memoria histórica. O alcalde lembrou que dende o executivo propuxo denominala rúa Don Juan Carlos I, proposta que foi rexeitada polos nacionalistas.

    Redacción Barbanza