Rianxo acolle en xullo unha nova edición do campus de fútbol do Deportivo

    RIANXO> Rianxo acollerá este verán a terceira edición do Deporcampus. Nenos de entre cinco e catorce anos poderán participar neste proxecto formativo da man de adestradores do Deportivo da Coruña. A iniciativa está promovida polo Club local Unión. Tralo éxito das dúas anteriores edicións, o Club Deportivo Unión volverá organizar este verán o campos de fútbol en colaboración co Deportivo da Coruña. Será entre o dezasete e o vinte e un de xullo no campo municipal de Vilas onde os rapaces terán ocasión de aprender da man de adestradores de ámbolos dous clubs. O obxectivo principal do campus será o fomento da independencia dos cativos nun deporte onde prima o traballo en equipo. Este ano a inscrición realizarase de xeito telemático a través da web oficial do Deportivo. O custo é de 120 euros con descontos para segundo irmá, familia numerosa ou en paro e socios do Unión. Ademais das actividades de adestramento diario, o campus ofrecerá ós participantes a oportunidade de asistir en agosto ó Trofeo Teresa Herrera. O Deportivo cedeu cincuenta entradas a sortear entre tódolos nenos que participen. O prazo para formalizar a matrícula comeza a vindeira semana. Por cuestión de aforo, non poderán exceder de oitenta participantes.