O Céltiga quere rachar con catro derrotas consecutivas

futbol250_080110.jpgSALNÉS> Esta fin de semana comeza a segunda volta na Terceira e remata a primeira na Preferente. Un dos partidos máis importantes será o que se xogue no Salvador Otero onde un Céltiga á baixa recibe ó Santa Comba que está en plena xeira positiva de resultados. Ademais, teremos derbi en Burgáns entre Cambados e Sanxenxo.

Catro derrotas consecutivas levaron a unha situación pouco agradable a un Céltiga que cada vez se alonxa máis da cabeza a está máis preto do descenso. O domingo non terá un encontro sinxelo ante un equipo que no último mes leva a traxectoria oposta ós da Illa, catro triunfos seguidos. Ademais, os tres puntos cobrarían un valor maior para afrontar con máis tranquilidade o derbi ante o Vilalonga a semana que ven. Con todo, Pablo Vázquez terá que ver o partido dende a bancada despois de ser sancionado por protestar ó árbitro. Xunto a el terán que estar dous dos puntais do equipo: Adrián Santos e Hugo Soto perderanse a cita, ambos por sanción.

O Vilalonga, máis relaxado, visita ó Negreira sen baixas de ningún tipo. Durante as últimas semanas especulouse coa posible marcha do equipo do lateral arxentino Leo, pero semella que de momento non se producirá, polo que Gabi Leis poderá poñer en liza ó seu equipo de gala. Enfronte, os de Julián Ferreiro están a sufrir para manterse fóra dos postos de descenso. Aínda así chegan tamén en recuperación, tras sete xornadas sen gañar na última racharon coa mala xeira e venceron ó Alondras.

Na Preferente Sur o duelo máis agardado é o que se disputa en Burgáns. Cambados e Sanxenxo chegan á cita con miras ben diferentes: os de Carregal coa intención de seguir escapando da zona baixa da táboa e os de Calucho querendo prolongar o seu bo momento que os levou ata o cuarto posto da xeral. Cascallar e Dani foron sancionados ambos esta semana con dous encontros e non estarán no choque, ó igual que Dieguillo no lado do Sanxenxo.

O primeiro que xoga esta semana é o Ribadumia que visita ó Covadonga no único partido adiantado á xornada do sábado. Unha victoria certificaría a recuperación dos de Carducho, lles daría un amplo marxe sobre o descenso e afundiría a un rival directo pola salvación.

Mentres o Arousa que víu freada en seco a súa escalada a semana pasada ante o estradense visita ó Choco, que é colíder. Non estarán no encontro nin Álex nin Dani Conde, as últimas dúas fichaxes do club vilagarcían que deberán agardar ata que lles sexan tramitadas as fichas.

Ademais, o Portonovo visita o domingo ó Caselas co obxectivo de retomar a boa senda e sumar a segunda victoria consecutiva. Enfronte un equipo con dúas caras, que se amosou moi irregular como local esta temporada.

Redacción Salnés