![]()
RIANXO> O BNG conmemorou o sesenta cabodano de Rodríguez Castelao cunha ofrenda floral ante o busto do insigne rianxeiro no paseo de Ribeira.
Os actos organizados polo BNG co gallo do 60 cabodano de Castelao iniciáronse ás doce da mañá na Casa da Cultura Cuartel Vello. Alí tivo lugar un acto público no que interviron o portavoz nacional desta formación política, Guillerme Vázquez e a voceira do grupo municipal, Adelina Ces. Na súa intervención esta última aludiu ao feito de que a casa de Castelao aínda non fose ao día de hoxe patrimonio de todos os galegos.
{flowplayer}barbanza/bngofrendacastelao.flv{/flowplayer}
Pola súa banda o portavoz nacional do BNG fixo referencia a que as ideas que tanto defendeu Castelao seguen aínda vixentes na nosa época, acusando ao actual goberno da Xunta de levar ao país ao vagón de cola. Entre outros temas, Guillerme Vázquez solicitou ademáis a retirada do decreto do galego impulsado dende o goberno de Feijoó.
Unha vez rematado o acto o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, arroupado por un número importante de militantes e simpatizantes desta formación política a nivel local e comarcal, así como destacados membros do partido, entre eles varios deputados como é o caso de Ana Pontón e Bieito Lobeira, desprazáronse polas rúas da vila ata o Paseo da Ribeira. Alí xunto o busto eirixido na memoria do autor do Sempre en Galiza realizouse a xa tradicional ofrenda floral.
O acto rematou coa interpretación do himno galego.
Redacción Barbanza









