O libre marisqueo pecha o 2009 con máis de 744 toneladas de bivalvos

    libre_marisqueo.jpgSALNÉS> A campaña de libre marisqueo nos Lombos do Ulla, en Bohído, e Cabío pechou o 2009 con máis de 744 toneladas de bivalvos.

    Segundo a información achegada polas confrarías, desde o comezo da campaña o 5 de outubro ata o 30 de decembro nos Lombros do Ulla capturáronse uns 467 mil quilos de berberecho, uns 66 mil de ameixa fina, 125 mil de xaponesa e uns 4 mil de babosa.

    A evolución das capturas de ameixa babosa nesta zona foi mellor que a dos últimos catro anos, segundo apunta a Consellería do Mar. Tamén as capturas de xaponesa foron maiores que a da anterior campaña, sendo a mellor desde 2002. A da ameixa fina foi ademais unha das campañas máis importantes dos últimos anos. Nas 50 xornadas de traballo que houbo participaron unha media de 374 embarcacións, cun 553 tripulantes por día.

    No Bohído obtivéronse uns 19 mil quilos de ameixa babosa, 3 mil de fina e 2 mil de xaponesa, amais de 481 quilos de doutros bivalvos. Aquí participaron unhas 57 embarcacións e 73 tripulantes ó día, a maior parte da Illa de Arousa.

    En canto ó banco de Cabío, colléronse 10 mil quilos de ameixa babosa e 45 mil de rubia. Aquí participou un cento de barcos diarios en outubro e novembro e case 50 en decembro, a maior parte da Illa e da Pobra.

    Redacción Salnés