CAMBADOS> O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas deu luz verde a unha nova regulación das casetas da Festa do Albariño. O pleno aprobou que os postos do Paseo da Calzada pechen ás 12 e media da noite para, aseguran, loitar contra o botellón. Ata o de agora, permanecían abertas ata preto das 5 da madrugada. O primeiro colectivo en posicionarse foi a Asociación Adegas do Salnés. Ademais de non estar dacordo na medida, reclaman que o Consello Regulador busque consenso coas adegas.
Este 2018, as casetas do Paseo da Calzada na Festa do Albariño botarán o peche moito antes que en anos anteriores. O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas aprobou que non estean abertas máis aló das 12 e media da noite para loitar contra o botellón.
A Asociación Adegas do Salnés, cun representante no pleno do Consello, foi o primeiro colectivo en manifestar a súa oposición a esta decisión. Recoñecen que hai moitas medidas que se poden tomar para mellorar a festa, pero esta non é a máis axeitada.
Reducir paulatinamente o horario de apertura ou reordenar e ampliar o espazo das casetas máis aló do Paseo da Calzada, son outras das medidas que propoñen.
Pero sobre todo reclaman que se busque o consenso. Aínda que recoñecen o peso da decisión aprobada polo pleno do Consello Regulador, piden reunións co sector para pactar os posibles cambios que se poidan realizar na multitudinaria Festa do Albariño.
Outros colectivos como Cambados Zona Centro ou o partido Somos Cambados, membros ademais do cuatripartito que goberna o concello, xa manifestaron tamén a súa oposición a esta medida.