O conflito de Alfageme agudízase

    alfageme_100_110110_copia.jpgRIBADUMIA> Traballadores e sindicatos pasaron o día pendentes da reunión entre Xunta, Caixanova e Banco Popular. Sen novidades ó peche desta edición, seguirán as mobilizacións.

    {flowplayer}images/salnes/110110_CONCENTRACION_ALFAGEME_RIBADUMIA.flv{/flowplayer}

    É unha das condicións impostas por Caixanova, Banco Popular e Igape. Que as entidades financeiras concedan os nove millóns de euros de aval para reflotar a conserveira depende de que a familia Lago deixe de ser a propietaria da maioría das accións. Segundo informaron ós sindicatos fontes do IGAPE, na xuntanza mantida o venres entre Xunta, bancos e Alfageme, o propietario, Juan Lago podería estar barallando a posibilidade de ceder a estas demandas e abandonar a dirección da empresa.

    Mentres, os traballadores de Alfageme non descansan. Esta mañá, as empregadas da planta de Ribadumia achegáronse ata o concello para solicitar o apoio da alcaldesa, Salomé Peña, e pedirlle que presione ás institucións implicadas no conflito.

    A aplicación do Plan de Viabilidade permitiría inxectar liquidez á empresa para que poida continuar a produción, cando menos nas plantas de Ribadumia e Vilaxoán. Terían que pechar as de Vigo e O Grove, cos conseguintes despedimentos e reorganización de persoal, un mal que os traballadores prefiren antes que entrar na lei concursal. Iso suporía o peche definitivo das catro plantas. Nestes intres a situación é insostible xa que non hai nin materia prima coa que poder traballar. Traballadores e sindicatos anuncian que, de non chegarse a acordo, continuarán as mobilizacións.

    Redacción Salnés