![]()
BARBANZA> O temporal de vento e chuvia deixou tamén un gran número de incidentes no Barbanza. Un dos municipios máis afectados da comarca foi Boiro.
{flowplayer}barbanza/temporalbarbanza.flv{/flowplayer}
As fortes rachas de vento arrasaron con todo o que atoparon ó seu paso durante a pasada madrugada. Estas árbores centenarias, arrincadas de raíz, dan idea da forza con que bateu o temporal no municipio de Boiro.
O campamento xuvenil da Xunta en Espiñeira rexistrou numerosos danos provocados pola caída das árbores dobre diversas instalacións. Tamén resultou afectada unha vivenda próxima sobre a que caeu un piñeiro provocando, ademais dos danos materiais, un gran susto ós seus propietarios.
Na parroquia do Castro tamén se rexistraron importantes incidencias como o desprendemento da cuberta do polideportivo anexo ó colexio. O vento arrancou as placas deixándoa totalmente destrozada.
Efectivos desbordados
Durante toda a xornada tamén se rexistraron problemas co subministro de luz e de auga en diversos puntos do municipio. O concello e os distintos efectivos de emerxencia así como as forzas de seguridade traballaron a contrarreloxo para minimizar os efectos dun temporal moito máis grave do previsto.
{flowplayer}barbanza/temporalbarbanza2.flv{/flowplayer}
E é que a pesar de que toda a comunidade se atopaba en alerta laranxa e os distintos concellos despregaron dispostivos de emerxencia, na maior parte dos casos víronse desbordados ante a virulencia do temporal.
Estradas cortadas, fincas anegadas, vivendas, industrias e instalacións públicas moi afectadas, cos danos aínda por cuantificar, son o devastador balance do paso desta fronte que de momento non abandonará Galicia posto que boa parte dos municipios costeiros continúan en alerta amarela.
Redacción Barbanza










