O Céltiga busca recuperarse a costa do Bergantiños

futbol250_290110.jpgSALNÉS> Na Terceira, tanto Céltiga vomo Vilalonga xogan na casa. Os da Illa con necesidade imperiosa de vencer enfróntanse ó Bergantiños mentres que os celestes tratarán de dar a sorpresa ante o Cerceda. Repasamos tamén os encontros da Preferente Sur.

O Céltiga tratará de romper este domingo cunha xeira de sete xornadas sen gañar. Terano que facer ante un rival, agora mesmo, directo pola permanencia como o Bergantiños. Pero ollo porque os de Carballo chegan no mellor momento da temporada. Tras cinco derrotas consecutivas agora enlazaron catro triunfos tamén seguidos que os colocaron fóra do descenso. As tres veces que se enfrontaron no Salvador Otero, sempre venceu o Céltiga, de feito os de Carballo non foron quen de facer nin un tanto na Illa. Pablo Vázquez e os seus saben da importancia deste choque nunha xornada na que os oito equipos da zona baixa enfrontaranse entre eles.

O Vilalonga pola súa parte recibe a un Ceceda ferido no seu orgullo logo de ter perdido dous puntos nos últimos minutos precisamente ante o Céltiga. Un partido ó que os de Gabi Leis chegan sen presión aínda que sabedores de que unha victoria distanciaríalles case definitivamente da zona complicada da clasificación., antes de afrontar un mes de febreiro repleto de partidos ante rivais da zona baixa. Leo, sancionado, perderase o choque ó igual que Melchor que continúa lesionado do nocello.

Xornada interesante a que se presenta na Preferente Sur. O duelo que acaparará boa parte das miradas será o que disputen o primeiro contra o terceiro clasificado no campo de Santa Mariña: Choco – Portonovo. Os de Rial viaxan a Redondela coa baixa de Pablo por sanción e coa intención de sumar a súa quinta victoria consecutiva que os meta xa en postos de ascenso.

Os seus veciños do Sanxenxo buscan algo semellante ante outro dos favoritos ó ascenso, o Arenteiro. Os de Calucho afrontan con este partido o inicio do tramo máis complicado de competición que lles enfrontará nos vindeiros seis partidos a cinco dos primeiros clasificados. Os de Carballiño chegan tocados á cita logo de perder na casa a semana pasada ante o Ribadumia.

Precisamente os de Carducho afrontan o seu vindeiro compromiso con moita máis tranquilidade logo desa victoria. Reciben na Senra ó Pontellas, un conxunto que loita por encgancharse ó grupo de cabeza.

Mesmo obxectivo que persegue o Arousa que esta fin de semana desprázase a Vigo para xogar ante o Gran Peña. Os xogadores e corpo técnico saben da importancia deste choque que pode significar un punto de inflexión nas súas aspiracións.

O Cambados xoga na Baiuca ante o Estradense. Os de Oreiro enlazan a peor xeira da temporada con dúas derrotas consecutivas. O Cambados, acude coa baixa por sanción de Dani Abal.

Redacción Salnés