A Pobra decidirá ós gañadores da Liga Galega de Traíñas

POBRA> Ademais da décima edición da Bandeira de Traíñas Concello da Pobra do Caramiñal, a cita incluirá como novidade este ano a disputa tamén da primeira bandeira feminina. Un ano máis baixo a organización do Club de Remo Puebla e o patrocinio do concello, terá lugar esta vindeira fin de semana a décima edición da Bandeira Concello da Pobra do Caramiñal de traíñas. A regata, a última proba do calendario da Liga Galega de Traíñas A, servirá ademais para ‘play off’ de ascensos e descensos das Ligas A e B. Como novidade este ano a competición incluirá tamén a disputa da primeira Bandeira Feminina Concello da Pobra na que tomarán parte as embarcacións de Cabo de Cruz, Chapela e Mecos. Dende o concello pobrense destacaron a importancia da regata, animando ós veciños a acudir tanto o sábado coma o domingo a presenciala ata a dársena portuaria. Segundo a edil de Deportes, Genoveva Hermo a Pobra converterase esta fin de semana no centro de atención do remo galego. O remo non será a única modalidade deportiva desta fin de semana na Pobra. Mañá venres está previsto a celebración da xornada do Deporte na Rúa. Unha actividade que se desenvolverá durante todo o día na Praza Alcalde Segundo Durán, nas pistas deportivas do Castelo, no recheo e na praia do Areal. Estará dirixida a rapaces de idades comprendidas entre os sete e os catorce anos, e comprenderá diferentes modalidades deportivas, como é o caso do fútbol 3×3, baloncesto 3×3, remo, judo ou piragüísmo, entre outras. Na fin de semana tamén se disputará no areal da Lombiña, en Cabío, a proba final do décimo quinto Circuíto Barbanza de Volei Praia, ademais da fase final do Torneo de Padel Concello da Pobra do Caramiñal nas pistas de padel Punto Pelota. Os afeccionados ó baloncesto tamén terán o sábado, a partir das once da mañá, no polideportivo da rúa Venecia, o Torneo de Baloncesto 3×3.