O Liceo Casino copa o podium do Galego en clase Cadete

vela250_160210.jpgVILAGARCÍA> Os liceístas Óscar Lages e Joaquín Miñones acadaron esta pasada fin de semana o Campionato Galego de clase cadete. Vilagarcía acolleu as regatas baixo unha climatoloxía protagonizada polo vento e o frío.

Gran xornada final do Campionato Galego da clase cadete na que ventos de preto de 20 nós recibiron ós participantes na mañá do domingo para completar as dúas últimas mangas.

A priori catro embarcacións loitarían polo Campionato Autonómico. Ás 11:14 comezaba a primeira proba na que os fortes ventos facían numerosos os xiros das embarcacións. Xa dende o principio Oscar Lages e Joaquín Miñones impoñían a súa superioridade con ventos fortes, finalizando Nicolás Miñones e Diego Lago en segunda posición. Polo tanto, co terceiro posto de Roi Rogel e Juan Luis Millán nesta proba formábase un empate a puntos no primeiro posto da clasificación xeral, a favor de Lages e Miñones por ter un maior número de primeiros postos nas oito mangas disputadas.

Unha vez rematada a primeira proba o Comité de Regatas decidía suspender a novena   e última debido ós ventos de preto de 30 nós que sopraban xa ás 12:00, polo que Lages e Miñones lograban un dos campionatos máis disputados dos últimos anos, coa curiosidade de que Rogel e Lages forman parella na clase 420.

Os regatistas do Liceo Casino de Vilagarcía coparían todo o podium, xa que en terceiro posto finalizaban Miñones e Lago que co seu segundo posto parcial lograban arrebatar o bronce a Alejandra Celada e María Martín-Casal. As viguesas lograban levarse o primeiro posto en categoría feminina.

En canto ós infantís, Lois Rogel e Jacobo García non lograban rematar a derradeira proba pero conservaban a quinta praza da xeral e o primeiro posto en categoría Infantil.

Debido á pronta finalización e á climatoloxía realizábase o acto de entrega de trofeos ás 14:30 e despedíase os participantes emprazándoos á Copa de España que se celebrará en Semana Santa no Monte Real Club de Yates de Bayona.

Redacción Salnés