SALNÉS> Estes días paráronse as ligas debido á disputa dos campionatos galegos para categorías sub-14 e sub-18. E chegaron boas novas para Vilagarcía, xa que o xogador do Club Xadrez Fontecarmoa Luís Segura impúxose en infantil alzándose deste xeito co título autonómico.
O xoven xogador do Club Xadrez Fontecarmoa-Mcdonalds , Luís Segura, proclamouse campión galego da súa categoría, a infantil, no torneo federativo que se celebrou estes días na localidade coruñesa de Pontedeume.
A victoria desta promesa do xadrez vilagarcián produciuse de xeito moi traballado debido ó gran nivel que había na categoría. Segura partía como segundo cabeza de serie debido ós puntos Elo que acumula no ranking galego.
Na derradeira partida tivo que enfrontarse ó seu compañeiro alevín Julio Suárez, que chegando dende atrás no cadro e despois de facer un gran torneo, quedouse ás portas do podium. Ambos asinaron táboas nesa derradeira partida que deixou a Luís Segura con 6,5 puntos, un máis que Julio Suárez que finalizou no séptimo posto da xeral. Décimosexto clasificouse Samuel Dieste que rematou con 4,5 puntos.
Peor sorte correu Lucas Abal. O pasado campión galego e subcampión de España acabou o torneo no posto número 20, o que demostra a dureza e igualdade reinante nesta categoría.
Os representantes do Fontecarmoa en categoría xuvenil non correron tanta sorte e asinaron unha actuación bastante máis discreta. Adrián Montáns, Andrés Varela, Christian Abal e Manuel García, fixeron 4 puntos que lles permitiron rematar a todos eles entre as posicións 24 e 35.
Tras este parón as ligas volverán esta vindeira fin de semana
Redacción Salnés