Os cabalos salvaxes ocasionan perdas importantes en varias fincas de Rianxo

    cabalostraba_100_300310.jpgRIANXO> A colaboración veciñal permitiu capturar varios cabalos que, dende hai meses, viñan arrasando coas colleitas en varias leiras de Araño e Taragoña.

    {flowplayer}barbanza/cabalostraba.flv{/flowplayer}

    Os veciños da aldea de Traba, na parroquia rianxeira do Araño, xa non saben a quen acudir para evitar que os cabalos salvaxes sigan entrando nas súas fincas e estragando as colleitas. Levan preto de dous anos sufrindo esta situación, cultivando a terra durante duras xornadas de traballo a risco de que os animais arrasen as prantacións en tan só uns minutos.

    No caso de Juan, os destrozos van máis alá da colleita posto que xa é a terceira vez que os cabalos lle tiran cos postes da súa viña. O mesmo lle acontece a Manuel que posúe tres fincas, dúas das cales están practicamente intransitables, tralo paso dos animais. Desesperado, xa non conta con recuperar as perdas económicas. O único que pide é que se poña coto a estes cabalos para deixar de traballar en balde.

    Boa parte dos afectados víronse obrigados a pechar as fincas e colocar elementos disuasorios para evitar a entrada dos animais. Mesmo chegaron a facer quendas de vixilancia; todo insuficiente para impedir o acceso destes inoportunos visitantes.

    Desesperados, e tras denunciar os feitos ante a Xunta e o Seprona, un grupo de veciños conseguiron esta semana cercar catro cabalos e un potro. Os servizos municipais trasladáronos ata unha parcela en Rianxo onde permanecen á espera de identificar os propietarios das bestas.

    Multas

    Tanto os veciños como a propia policía son conscientes de que é difícil que aparezan posto que terían que aboar unha contía en concepto de sanción así como as perdas ocasionadas ós particulares.

    Polo momento, tan só o propietario dun dos animais se puxo en contacto coa policía para facerse cargo dos danos. Se no prazo de vinte días non aparecen os titulares do resto dos cabalos, o concello verase obrigado a envialos ó matadoiro ou sacalos a poxa pública, se o proceso non se prolonga demasiado no tempo.

    Para os veciños, a mellor solución é sacrificar ós animais para evitar que sigan a campar con liberdade polas súas propiedades sen que ninguén se faga cargo das cuantiosas perdas que ocasionan.

    Redacción Barbanza