BOIRO> O accidente tiña lugar sobre as tres e media desta pasada madrugada.
Por causas polo de agora descoñecidas, o vehículo que conducía o falecido, de 35 anos e veciño de Arbo, aínda que con residencia actual en Boiro, saíuse da vía e precipitouse ó río Coroño, á altura da ponte de Runs.
Era o único ocupante do vehículo. O coche quedou somerxido e envorcado.
Á súa chegada, os equipos de emerxencia tan só puideron certificar o seu falecemento.
A profundidade do río nese tramo, duns tres metros aproximadamente, fixo necesaria tamén a presenza do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil.
Os GEAS participaron tamén nos traballos de retirada do vehículo do fondo do río, que se realizou coa axuda dun guindastre. Uns traballos que se prolongaron durante varias horas e que resultaron tamén laboriosos.
Ademais do persoal dos parques de bombeiros de Boiro e Ribeira, ata o lugar desprazáronse tamén efectivos da Policía Local e de Protección Civil, así como tamén Garda Civil e Tráfico.
Este último foi o encargado da realización do correspondente atestado co fin de determinar as posibles causas do sinistro.











