Sarabela Teatro abrirá este domingo o ciclo teatral na Pobra

POBRA> Desenvolverase no Cine Elma durante os meses de outubro, novembro e decembro. En total serán sete as compañías que se subirán ó escenario.

A Pobra volverá a apostar polo teatro na súa programación cultural de outono. Serán un total de sete propostas dirixidas a maiores de 16 anos. Tódolos espectáculos terán lugar os domingos, ás sete da tarde, no teatro cine Elma durante os meses de outubro, novembro e decembro.

A programación arrancará xa este vindeiro domingo 17 de outubro con A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro.

Outras das compañías que pasarán polos escenarios da Pobra serán Talía Teatro con Vida de cans; Culturactiva Producións representará Conexión Pingüín; De Ste Xeito Producións estreará Feminíssimas; a compañía Pérez & Fernández achegará Os nenos da varíola; Fulano, Mengano e Citano presentarán Top Manta, poñendo o broche de ouro a este ciclo teatral Excéntricas Producións coa obra Estrela do día.

As entradas a tódolos espectáculos son de balde pero é necesario realizar previamente reserva.

A programación está organizada pola concellaría da Cultura en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí