![]()
SALNÉS> Na Terceira, Vilalonga e Céltiga volven a xogar na casa, os da Illa coa necesidades imperiosa de vencer. Mentres, na Preferente Sur, vivirase outro capítulo máis da loita polo ascenso.
O Rápido de Bouzas visita San Pedro este domingo, equipo que ven escapando do descenso logo dun mes de marzo moi proveitoso para eles. Todo o contrario que o Vilalonga, que leva cinco encontros sen gañar, a súa peor xeira da temporada, e ó que lle están a medrar as dificultades en forma de lesións. Ás xa coñecidas de Pazos e Machu para o resto da temporada, podería unirse a de Sarró, cunha fisura no peroné. Por se fora pouco, Saúl, cun golpe no nocello, é dúbida, polo que Gabi Leis só ten a Miguel coma dianteiro para este partido. Con todo isto terá que loitar o conxunto celeste que precisa sumar catro puntos como mínimo nos últimos cinco partidos.
Na Illa vivirase un encontro dramático. O Céltiga recibe ó pechacancelas Verín coa necesidade e a obrigación de vencer. A marxe de erro dos de Antonio Gómez é cada vez menor e a día de hoxe, descenderían polos arrastres de 2ªB e teñen a catro puntos a salvación. O rival dará facilidades: só gañou tres partidos en toda a liga, é o conxunto máis goleado e o menos goleador.
Na Preferente Sur o Portonovo defende liderato na súa visita ó Barbadás, un claro candidato ó ascenso a comezos de temporada que se diluíu co paso daas xornadas. Comesaña será baixa nos de Baltar que queren seguir abirndo marxe co terceiro clasificado.
No Arousa, o que prometía ser unha semana moi productiva quedouse en decepcionante, logo da derrota en Carballiño o mércores. O equipo tratará de recuperarse, de esquencer as dúas mensualidades que o club que lles debe e sacar adiante o encontro ante un Celanova que tenta escapar da zona perigosa da táboa.
O Sanxenxo xa con menos opcións, visita ó Cruceiro coa intención de mellorar a súa horrible xeira de resultados fóra da casa nas últimas semanas.
Na Senra o Ribadumia buscará a victoria ante o Estradense. Xa a semana pasada dinamitou a xeral vencendo por sorpresa en Porriño. As sensacións que deixaron foron moi boas polo que non se descarta unha victoria local que lles dé o título oficioso de animador da competición.
Por último, o Cambados buscará atar de xeito matemático a permanencia ante outro equipo da zona baixa como o Tomiño.
Redacción Salnés






