Amegrove inaugura o venres o I Campus de Verán con máis de 50 nenos

amegrove_campusremo100_130607.jpgO GROVE > Máis de cincuenta rapaces maiores de oito anos xa están inscritos no I Campus de Verán do Amegrove C.R

… O campamento desenvolverase desde o venres ata o 15 de setembro.

O club de remo Amegrove desenvolverá ó longo deste verán un campus dirixido ós nenos co ánimo de seguir facendo base neste deporte. A iniciativa presentouse onte á noite e ten como madriña á actual edil de Xuventude e Servizos Sociais Ana Isabel Domínguez, que recibiu como agasallo un ramo de flores e unha placa conmemorativa. Ana Isabel Domínguez agradeceu esta distinción e tamén lle entregou ó club unha placa na que recoñece o esforzo da directiva de Amegrove. Como madriña aproveitou para darlle algúns consellos ós rapaces que participarán neste primeiro campus.

O campus de Amegrove desenvolverase do 15 deste mes ó 15 de setembro e manterá aberta a inscrición todo o verán. Diego Portela será o coordinador da escola, apoiado polos técnicos Paulo de la Fuente e Álex Bea, que fixeron a mestría de remo con José Manuel Francisco, adestrador de Astillero. Os rapaces contarán tamén cunha profesora que lles dará clases de catro a cinco e media polas tardes. Os nenos terán competicións, excursións e outras actividades relacionadas coa práctica do remo. O club agradece os apoios económicos de entidades públicas e privadas pero pide a maiores apoio moral dos pais dos rapaces.

Redacción Salnés