Maratóns de lectura e xogos no Día Internacional do Libro

dia_libro100.jpgSALNÉS> Os escolares do Salnés celebraron hoxe o Día Internacional do Libro con diversas actividades en torno á lectura.

{flowplayer}images/salnes/dia_do_libro.flv{/flowplayer}

SALNÉS> Estudantes de tódolos colexios e institutos cambadeses xuntáronse hoxe no auditorio da Xuventude para participar nunha maratón de lectura, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro.

O alcalde Luís Aragunde foi o encargado de inaugurar esta lectura, que este ano versou sobre textos relacionados co Camiño de Santiago. Desde as nove e media ata as catro da tarde os escolares leron textos sobre o Camiño Francés, a ruta xacobea máis transitada,e tamén sobre a ruta marítimo fluvial do Mar de Arousa e Ulla. Os lectores foron contando o inicio da peregrinación a Santiago, alternando obras relacionadas dalgún xeito coas etapas do Camiño.

En Vilagarcía os cativos tiveron esta mañá un obradoiro de banda deseñada na biblioteca municipal. A actividade estivo patrocinada pola consellería de Cultura e Turismo dentro do programa Letras Vivas. De amosarlle ós nenos o mundo do cómic encargouse David Prieto Seijo, máis coñecido como Gochi, autor e ilustrador de cómic e fundador da editorial Cerditos de Guinea Comics.

No auditorio tamén se celebra estes días Lectoriño, a mostra do libro infantil e xuvenil, que organiza a concellería de Xuventude. Na xornada inaugural celebrada onte á tarde tiveron amais de lectura e xogos, un concerto a cargo da banda de música de Vilagarcía, que fixo unha adaptación do conto Pedro e o lobo. A través desta composición, os nenos puideron coñecer os instrumentos da banda e os seus sons, que foron identificando cun animal diferente.

O Día Internacional do Libro faise coincidir coa data do falecemento de Shakespeare e Miguel de Cervantes. Precisamente, deste último lembráronse no colexio de Mosteiro, en Meis. Desde o luns tódolos alumnos do centro veñen participando nunha maratón de lectura do Quijote. Rematou hoxe, día no que tamén se fixo un intercambio de libros por flores entre alumnado e profesorado.

Redacción Salnés