Investigan ao xefe da Policía Local de Boiro por presuntas irregularidades

BOIRO> O concello de Boiro vén de iniciar unha investigación interna ante as presuntas irregularidades cometidas polo xefe da Policía Local, Manuel Feáns.  A investigación xurdiu a raíz dun escrito presentado no rexistro do Concello asinado por un total de once axentes e exaxentes deste corpo policial.

As augas andan revoltas estes días polo Concello. O motivo, a aparición a semana pasada dun escrito asinado por un total de once axentes e exaxentes da Policía Local no que denunciaban presuntas irregularidades cometidas polo seu superior. Nada máis ter coñecemento destes feitos, o alcalde, José Ramón Romero, deu orde a Secretaría e Intervención, de recompilar partes de servizo e boletíns de denuncia emitidos por este corpo dende o ano 2013. Segundo fontes ás que tivo acceso esta redacción, as presuntas irregularidades denunciadas terían que ver coa posible existencia de multas sen tramitar e ó cobro de taxas. De ser certas poderían ser constitutivas de delito, entre eles, malversación, tráfico de influencias ou mesmo prevaricación que, conlevarían, segundo a súa gravidade, penas de cárcere e inhabilitación.