Monitoras da Pobra denuncia a privatización do servizo de conciliación

A POBRA> Varias traballadoras do concello da Pobra denuncian a privatización do servizo de conciliación. Ademais da ocultación de información por parte da administración, entenden que a calidade do servizo se verá afectada trala súa adxudicación a unha empresa privada.

Dende o ano 2016, o concello da Pobra viña asumindo a xestión directa dos servizos de conciliación a través dunha bolsa de emprego para a contratación de monitorado. Na actualidade, son 6 as traballadores en activo, que durante o período estival adoitan chegar ata 15.  Sen embargo, os contratos vencen o 20 de xuño sen posibilidade de renovación posto que o concello xa sacou a licitación o servizo. A situación xerou un gran malestar entre as traballadoras que coñeceron cambio do modelo de xestión pola prensa.

As traballadoras afectadas manterán o próximo xoves unha xuntanza con responsables do concello para esixir explicacións que ata o de agora non lle foron dadas. Lonxe disto denuncian a opacidade e o escurantismo por parte da administración municipal.

Denuncian ademais que suporá unha perda da calidade do servizo que afectará directamente ás familias usuarias.

Pola súa banda, dende o concello indicaron que a licitación do servizo é a única vía que lles permite manter os programas de conciliación trala última reforma laboral que impide encadear contratos temporais para cubrir servizos de carácter estrutural e continuado.

Alegan ademais que na actual Relación de Postos de Traballo non están incluídas as prazas das monitoras polo que se viron obrigados a externalizar o servizo mediante o procedemento de licitación pública.

Dende o goberno local entenden o malestar das traballadoras que están na bolsa de emprego pero a nova normativa obrigoulles a mudar o modelo de xestión para garantir os mesmos estándares de calidade e atención que se viñan prestando ata agora.

O alcalde e a edil de Igualdade sosteñen que o principal compromiso do seu goberno é manter os servizo cumprindo coa legalidade vixente.