CCOO e UXT manifestaranse o 1 de maio en Vilagarcía

    1maio100.jpgVILAGARCÍA> CCOO e UXT convocan a manifestación do 1º de Maio en Vilagarcía. A CIG manifestarase en solitario en Pontevedra.

    {flowplayer}images/salnes/CCOO_1_maio.flv{/flowplayer}

    VILAGARCÍA> CCOO e UXT convocan a manifestación do 1º de Maio en Vilagarcía. A CIG manifestarase en solitario en Pontevedra.

    ‘Polo emprego con dereitos e a garantía das nosas pensións’. Ese é o lema para este ano da manifestación do primeiro de maio, o Día do Traballador, que convocan conxuntamente en Vilagarcía CCOO e UXT. Os sindicatos piden a máxima participación de traballadores e traballadoras, pero tamén de pensionistas, pois, segundo indican, trátase tamén de acadar un cambio na política económica que afectaría ás pensións. A manifestación sairá da Praza Ravella ás 12 do mediodía e rematará na Praza de Galicia.

    Segundo Fernando Ramos, de CCOO, o Instituto Nacional de Estadística indica que a cifra oficial de paro xa é dun vinte por cento. Considera que é posible crear máis emprego, incluso máis empresas, cambiando a política económica e social. Ramos asegura que non é certo que canto menos salarios, máis postos de traballo, que iso non é crear economía sostible e que urxen decisións políticas que permitan investimento en postos de traballo.

    UXT celebra ademais 120 anos de vida e, segundo José Vázquez, gustaríalles que non houbera máis recortes nos dereitos dos traballadores e traballadoras. Pensan que o mellor modo de lograr as súas esixencias é remar xunto con CCOO, aínda que a outra organización sindical, a CIG, quixo ir en solitario.

    Mentres Comisións e UXT se manifestan ás 12 en Vilagarcía, a CIG farao ás 12:30 na praza da Ferraría de Pontevedra. Para facilitar a asistencia ós seus afiliados do Salnés, porá autobuses que sairán ás 11 de Vilagarcía e do Grove e ás 11:30 de Cambados. Segundo a CIG, o pacto de contención salarial asinado en febreiro entre patronal e CCOO e UXT vai supor na práctica consolidar a enorme diferencia nos salarios dos galegos coa media estatal.

    Redacción Salnés