Centos de persoas protestan en Vilagarcía e Pontevedra contra os incendios e a política forestal da Xunta

VILAGARCÍA/PONTEVEDRA> Milleiros de persoas mobilizáronse onte en Galicia para protestar contra a vaga de lumes que está a arrasar principalmente a provincia de Ourense. Houbo concentracións en diferentes localidades do territorio. Entre elas, Vilagarcía e Pontevedra. Os centos de participantes criticaron tamén a política forestal da Xunta de Galicia ao berro de ‘Lumes forestais nunca máis’.

Vilagarcía acolleu onte a protesta comarcal pola vaga de lumes que está arrasando principalmente a provincia de Ourense neste verán. Preto de 200 persoas sumáronse á cita, convocada pola plataforma ‘Por un monte galego con futuro’.

A política forestal da Xunta do Partido Popular concentrou as críticas dos asistentes. No manifesto, reclamáronse solucións inmediatas para paliar as consecuencias dos lumes e medidas para evitar que a situación se repita no futuro.

Dende a plataforma cualifican a vaga de lumes como unha traxedia ambiental, social, cultural e económica. E sinalan como causa directa o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido, como o eucalipto.

Pontevedra foi outra das 29 localidades de toda Galicia que acolleron protestas convocadas pola plataforma. Centos de persoas concentráronse na Praza da Peregrina para criticar a xestión da Xunta, ao berro de ‘Lumes forestais nunca máis’, ‘Rueda dimisión’ ou ‘Galiza arde, Xunta responsable’.