40.000 asistentes beberon 25.000 botellas do tinto de Barrantes

    vino_barrantes_copia100.jpgBARRANTES> Un ano máis a Festa do Viño Tinto do Salnés volveu ser un rotundo éxito, cunha gran acollida dos veciños de Ribadumia e da comarca. Na 38 edición, o programa estaba á altura da calidade destes caldos.

    {flowplayer}images/salnes/VINO_TINTO_2010.flv{/flowplayer}

    Repartíronse máis de 25.000 botellas de viño entre 40.000 asistentes. O venres á noite xa se presaxiaba unha celebración por todo o alto. O concerto de Jarabe de Palo, atraeu ata Barrantes a numerosos fans do grupo barcelonés, onde se repasaron grandes éxitos como a Flaca e Depende, con novas versións.

    O sábado foi o día grande, e Barrantes espertouse co son das gaitas da Banda de Forcarei e a de Ribadumia, que acompañaron ás autoridades ata a Carballeira. Aquí celebrouse a investidura dos Valedores Honoríficos. O notario xubilado Ángel Dopico, o caricaturista Gogue, o escultor, Manolo Paz, a restauradora Saladina Abal, o autor dos carteis da festa Pepe Noia, o actor Sancho Gracia, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, foron os distinguidos co galardón.

    Cun cheo absoluto, Salomé Peña arengou ós viticultores asegurando que esta festa está dedicada ó seu traballo e ó seu esforzo para facer do viño tinto de Barrantes, un caldo recoñecido en todo o Salnés.

    As Cantareiras de Ardebullo foron as encargadas, de novo, de dar o pregón. Mucha e Nucha arrancaron máis de unha gargallada ós asistentes contando as súas peripecias tras marchar da festa o ano pasado.

     A partir das dúas, celebrouse a tradicional comida de confraternización, con máis de 750 persoas e á que asistiron, entre outras autoridades, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o presidente provincial, a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González e o alcalde de Meis, Jose Luis Pérez.

    Trala pitanza, entregáronse os premios ós mellores tintos e ás mellores variedades autóctonas. Por primeira vez na historia dos galardóns, entregáronse dous primeiros premios ó mellor Barrantes, empatados a puntuación. Os afortunados, foron Alberto Balsa de Sisán e Rubén Rodríguez de Barrantes. En canto á mellor variedade autóctona, recaeu en Josemar de Leiro, Ribadumia.

    As oito da tarde, celebrouse o segundo concurso de empanada con conserva e a súa posterior degustación. O domingo continuou a festa coa cata da conserva do Salnés, con participantes de alta calidade e na que foi realmente complicado escoller un gañador. Na categoría de zamburiña, venceu Alimentos Javimar, mentres que na de mexillón foi Costas e Miñán SL.

    Pero os premios só foron un ingrediente máis do amplo programa de festas, que reservou o domingo para a actuación das orquestras máis reputadas de Galicia: Panorama e París de Noia.

    Ó final cumpriuse o obxectivo desta 38 edición, na que se consumiu case todo o viño que quedaba nas barricadas. É a hora de pensar na seguinte festa e comezar a traballar para que as cepas volvan producir o viño de Barrantes.

    Redacción Salnés