![]()
SALNÉS > Cando se cumpre unha semana do accidente de Brenntag que provocou a contaminación do Umia, o presidente da Xunta visitou a zona afectada. Emilio Pérez Touriño chegaba este venres pola mañá ás Aceñas onde os técnicos lle explicaron en que consistiu todo o operativo de loita contra a contaminación e confirmáronlle o éxito dos sistemas de depuración da mancha.
O presidente da Xunta dedicou o seu discurso a pé de río a agradecer, primeiro o comportamento da cidadanía polas súas mostras de civismo e solidariedade. Deu grazas tamén ás institucións -consellerías, alcaldes e Deputación de Pontevedra- e as empresas e equipos técnicos que se puxeron a disposición para resolver a crise do río Umia.
Pérez Touriño considera que despois disto hai que sacar unha experiencia en positivo e anunciou os pasos a dar agora polo goberno galego. Expresou a necesidade de por en marcha un sistema de analíticas de choque para situacións de emerxencia. No caso do Umia tívose que botar man de laboratorios de fóra da comunidade. Un segundo paso, segundo Touriño, será elaborar un plan de continxencias tamén para concas de río co fin de mellorar a resposta e prever situacións de risco. E por último extremar as avaliacións medio ambientais das implantacións industriais e urbanísticas para compatibilizar avance con protección do medio ambiente e da saúde.
Co presidente estiveron o conselleiro de Medio Ambiente, o director xeral de Desenvolvemento Sostible, o director xeral de Augas de Galicia e responsables de Sogarisa, encargada dos sistemas de depuración.
AUGA EN VILAGARCÍA
En Vilagarcía xa funciona este venres a tubería de impulsión do abastecemento de auga desde o río Umia, despois de que se rematasen as obras da nova canalización ata Baión. Segundo informa o concello, nas últimas horas realizáronse as probas pertinentes para comprobar o correcto funcionamento do sistema e a calidade da auga.
Nestes momentos xa está entrando un caudal de 140 litros por segundo na depuradora, máis que suficiente, segundo o goberno local, para atender as necesidades do concello. Aínda así, advirte que os depósitos municipais precisarán horas para encherse, polo que se agarda que a situación comece a normalizarse a partir do sábado. O concello agradece a prontitude da consellería de Medio Ambiente en pórse á fronte da crise. A gratitude municipal esténdese ás empresas que instalaron a tubería e ós veciños que permitiron a ocupación das súas propiedades.
O luns prevese que a tubería estea rematada ata Ponte Arnelas e se poida suministrar auga con normalidade. Tamén comezará a abrirse o dique das Aceñas para que a auga das piscinas volva ó río, o que podería tardar 4 ou 5 días. Mentres, 35 persoas continúan traballando na zona para facer diariamente análises de ata 165.000 compostos diferentes e comprobar que a auga se atopa en perfectas condicións.
INFORME PERICIAL
A Garda Civil elaborará un informe técnico pericial sobre o acontecido na planta que Brenntag ten en Caldas. A unidade técnica Nuclear, Radiolóxico, Bacteriolóxico e Químico trasladouse ata o lugar do sinistro, tanto na propia empresa como no río, para recoller mostras que se porán a disposición do xuíz competente. As probas periciais das análises aínda tardarán un mes pero o xefe da unidade xa comezou a elaborar o seu informe, que será positivo, xa que as mostras de aire non amosan contaminación atmosférica.
O vento axudou moito esa tarde para evitar que a nube tóxica baixase, o que tería obrigado a evacuar a poboación. Para esa tarefa estaban predispostos os axentes do Grupo Rural de Seguridade de Pontevedra aínda que finalmente non tiveron que intervir. Precisamente este equipo participou nos últimos días nun curso sobre o Plan de desenvolvemento do Sistema de Defensa NRBQ. Este plan inclúe a xestión de emerxencias, en especial nos chamados riscos nucleares, bacteriolóxicos e químicos. En breve Galicia poderá contar cunha destas unidades, unha vez se conte cunha estación de descontaminación.
Redacción Salnés







