O Concello recoñecerá a figura do actor vilaxoanés Pepe Rubianes

    pepe_rubianes100_030309.jpgVILAGARCÍA> O Concello recoñecerá a figura e a traxectoria profesional do actor vilaxoanés, Pepe Rubianes, cun expediente de honores e distincións, …

    … de acordo co previsto no regulamento municipal para tal fin.

    A medida foi aprobada este mediodía pola Xunta de Goberno Local a proposta da concelleira de Vilaxoán, Dolores Couso, e será elevada ao Pleno na sesión ordinaria a celebrar o vindeiro 26 de marzo. A decisión adoptouse tras tomar en consideración a destacada carreira profesional do actor e o seu amor pola sú a vila natal. A Xunta de Goberno Local amén acordou trasladar o seu pesar á familia, amigos e demais seres queridos do cómico recentemente falecido.

    Rubianes morreu en Barcelona o pasado domingo como consecuencia dun cancro de pulmón que o apartou dos escenarios en abril do ano pasado. Nado en Vilaxoán de Arousa, o 2 de setembro de 1947, o actor, que migrou de mozo coa súa familia a Barcelona, levou o nome do seu pobo natal alá por onde ía. Comezou a facer obras de teatro como afeccionado aos 16 anos, e logo tomou contacto co teatro universitario do grupo T.U.C. (Teatro Universitario de Cámara). Posteriormente integrouse no NGTU (Nou Grup de Teatre Universitari) dirixido por Frederic Roda, e alí coñeceu os que despois formarían Dagoll Dagom, compañía na que comezará a traballar de forma profesional en 1977.

    Aínda como estudante de dereito, participou en montaxes afeccionadas ou semiprofesionais de Un enemigo del pueblo, de Henrik Ibsen, El café de la Marina de Josep Maria de Sagarra, ou El mono piadoso, de Xosé Ruibal. A primeira montaxe profesional foi o musical No hablaré en clase, de Dagoll Dagom, e onde continuou con Antaviana, espectáculo que xirou por España, Francia, Italia e Suíza. En 1981 participou da creación e convivencia da compañía Els Joglars coa súa Operación Ubú.

    A partir de 1982 iniciou a súa carreira en solitario, onde se dedicou fundamentalmente ao teatro de monólogos e humorístico. O seu primeiro espectáculo individual foi Pay-Pay, co que xirou por España, Cuba, México, panamá, Costa Rica, Nicaragua e Guatemala. Durante a década dos oitenta e primeiros noventa dedicouse a este xénero de teatro con diversos espectáculos, que representou tanto en España como en Iberoamérica.

    En 1995 dá o salto á televisión protagonizar a serie Makinavaja, adaptación dunha banda deseñada de Ivá. Durante os anos seguintes continuou coa súa traxectoria de monologuista ata que en 2006 saltou á dirección de espectáculos coa montaxe Lorca eran todos, baseada en textos de distintos especialistas sobre a obra de Federico García Lorca. O seu último espectáculo foi La sonrisa etíope, a que tivo que suspender por enfermidade.

    Redacción Salnés