As traíñas do Salnés buscarán dar a sorpresa en Redondela

SALNÉS> Despois do parón da semana pasada, mañá voltan as traíñas. Vanno facer en Chapela, na XXIV Bandeira de Redondela. Trátase da terceira proba puntuable para a Liga Galega que ata o momento lidera con autoridade a embarcación de Meira.

Esta debía se-la primeira fin de semana con dúas regatas na Liga Galega de Traíñas, pero non será así. A contrarreloxo do domingo en Pontevedra quedou finalmente suspendida, polo que tódolos equipos poderán empregarase a fondo mañá na Bandeira de Redondela, que chega á súa vixésimocuarta edición.

A favorita para levarse a regata non pode ser outra que a líder da xeral. Samertolameu de Meira amosou unha gran superioridade nas dúas primeiras probas en Ares e Esteiro, onde venceu con suficiencia. A priori as únicas que lle poden poñer en apuros son Chapela e Náutico de Vigo, empatadas a puntos na xeral, no segundo posto.

Sen dúbida, a condición de anfitrión de Chapela pode xogar ó seu favor. O coñecemento do campo de regatas e co público do seu lado, postúlanse como os grandes candidatos a destronar por primeira vez a Meira.

Buscando dar a sorpresa, aínda que con menos opcións reais de victoria sitúanse catro traíñas arousáns. Os dous cuartos postos de Amegrove nas dúas primeiras bandeiras colócanlle como a mellor das representantes da súa ría. Por detrás, empatadas a puntos veñen Mecos, Cabo de Cruz e Vilaxoán. Todos eles agardan facer un bo resultado que lles permita competir na vindeira proba na quenda de honra, na que sempre se acadan mellores tempos.

Das do Barbanza, Esteirana e Puebla tentarán sumar un bo reasultado para escapar dos postos baixos da xeral, ó igual quen a de Rianxo, que a día de hoxe pecha a clasificación xeral no derradeiro lugar.

Redacción Salnés