A Volta a España abandona Sanxenxo rumbo a Calpe

vela250_210610.jpgSANXENXO> Despois de catro días amarrados no Porto Juan Carlos I, os barcos da Volta a España a Vela deixaron onte Sanxenxo. O Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete foi o encargadado de dar o pistoletazo de saída á cuarta etapa que levará ós participantes ata Calpe.

O Real Club Náutico de Sanxenxo acolleu onte, contra o mediodía, a saída da cuarta etapa da Volta a España a Vela. Atrás quedaron os catro días nos que os participantes e os seus Imoca 60 permaneceron en Sanxenxo, convertindo ó seu porto no foco de atención da vela nacional.

Numeroso púiblico quixo achegarase ata o náutico para seguir de preto a saída, que non defraudou pola súa espectacularidade. Por diante, 830 millas de percorrido, na que é a etapa máis longa de toda a competición, que lles levará ata Calpe, en Alicante.

Apenas 24 horas despois da súa saída, os barcos deixaron ben claro por qué se lles chama os ‘Formula 1 do mar’. Nun día, o líder cubríu 500 millas e disponse a entrar xa no Estreito de Xibraltar. Non é outro que o Movistar de Iker Martínez e Xabi Fernández, que mantén unha bonita loita co barco francés do Safran, primeiro na xeral e que perdeu a cabeza da etapa á altura de Lisboa. Agora mesmo sepáranlles oito millas.

Por detrás, máis retrasados, a 20 millas, o W Hotels e o PRB loitan pola terceira praza. Ambos manteñen un duro corpo a corpo e avanzan prácticamente en paralelo. Gaes, Centra Lechera Asturiana e Pakea Bizkaia veñen máis retrasados, mentres que o Estrella Damm sufríu diversos problemas que o levaron ó derradeiro posto, do que será complicado que saia.

A flota, beneficiada polos ventos de compoñente norte, está a avanzar con moita velocidade, aínda que pola previsión meteorolóxica, agárdase que o que queda de traxecto se cubra máis lentamente e o factor táctico entre máis en xogo.

A Volta a España chegará mañá a Calpe, nesta etapa raíña que terá valor dobre a efectos de puntuación.

Redacción Salnés