Porto do Son aproba uns Orzamentos “de esquerdas”

plenosonorzamentos.jpgPORTO DO SON> Un agre debate enfronta a goberno local e oposición nunha sesión que rematou cos edis populares e independentes fóra do salón de plenos.

Xa é habitual que dende o cambio de goberno, os plenos en Porto do Son rematen ca oposición na rúa. O convocado para aprobar de xeito inicial os orzamentos de 2010 non foi unha excepción. A sesión transcorreu tranquila ata o sexto punto da orde do día. Antes dábase luz verde a creación de novos postos de traballo no concello e modificacións nas retribucións e horarios dos traballadores do servizo de augas e de asistencia no fogar. 

Pago de facturas

No debate das Contas Xerais, o edil de Facenda, Xosé Manuel Alonso explicou que se trataba dun presuposto realista e prudente, cunha contención de gasto adaptada a situación económica actual. As contas ascenden a sete millóns setecentos mil euros. Un 43% dos ingresos, tres millóns de euros, destinaranse a investimento. Está prevista a subscrición dun crédito de dous millóns douscentos mil euros. Destes cartos, catrocentos setenta mil euros destinaranse ó pago de facturas de acredores, algunhas pendentes dende 2004.

{flowplayer}barbanza/plenosonorzamentos.flv{/flowplayer}

O concelleiro de Facenda asegurou que non ían subir impostos senón que comezarían a recadar taxas que levaban tempo paralizadas como os padróns de saneamento ou a liquidación dos pagos do centro de día. Ningunha destas explicacións convenceu a oposición. Tanto o partido popular como os independentes coincidiron en sinalar que se trataban de orzamentos electoralistas, cun gasto excesivo, que non foran consesuados e que acabarían endebedando ó concello.

Espantada en grupo

A partir dese momento, o debate subiu de ton. O partido popular acusou o goberno de falta de previsión económica, de dilapidar os cartos públicos  e de despreocuparase das necesidades dos sonenses. Pola súa banda, o alcalde desmentiu que o endebedamento chegase o 98 por cento, algo que tiñan afirmado os populares. As verbas da tenente de alcalde, Ánxela Franco, afirmando con rotundidade que eran uns presupostos de esquerdas, causaron indignación entre os concelleiros da oposición.

O alcalde expulsou da sala a edil popular María Jesús Santamaría por non respectar a quenda de palabra da tenente de alcalde o que a popular contestou "voume eu que estou farta de escoitar demagoxías". O resto de compañeiros decidiron seguila. Tamén se retiraron os concelleiros independentes, Gonzalo Pérez e Javier Quiñoy. Deste xeito, tan só quedaron na sala nacionalistas e socialistas que aprobaron por unanimidade as Contas deste ano.

Redacción Barbanza