RIANXO> O mexillón volveu a ser o protagonista especial esta fin de semana en Rianxo coa celebración da undécima edición da Festa do Mexillón organizada pola Asociación Gastronómica e Cultural da Festa do Mexillón de Rianxo e o Club de Remo da localidade, en colaboración co Concello.
Durante as xornadas do sábado e do domingo repartíronse preto dunhas 4.000 racións de mexillón elaborado en diferentes receitas, entre as que se incluíron croquetas, á vinagreta, en escabeche ou empanada.
Todo o produto foi, como non podía ser doutro xeito, da denominación de orixe protexida, garantindo a súa trazabilidade, e asegurando así as súas boas condicións.
Entre outras autoridades, na inauguración oficial da festa tamén participou a conselleira do Mar, rosa Quintana, quen destacou a alta capacidade produtiva do sector miticultor no municipio, e por extensión en toda a comarca.
Ademais da degustación, a festa contou tamén con diversas actuacións musicais, que se encargaron de animar á xente que se achegou a Rianxo a degustar este rico manxar das nosas rías.
A cita gastronómica tiña ademais un fin claro, xa que tódolos beneficios da festa, van a parar ó Club de Remo para o financiamento de toda a temporada.