Arrancan na Pobra as Xornadas Valle-Inclán

POBRA> No acto de presentación da programación tomou parte o Secretario Xeral de Cultura quen destacou a importancia deste tipo de iniciativas que buscan poñer en valor a figura do gran escritor arousán. O concello da Pobra do Caramiñal e o museo Valle-Inclán, en colaboración con diversas entidades, entre elas a propia consellería de Cultura ou a Deputación da Coruña, volverán a dedicar o mes de outubro a homenaxear a figura do seu escritor máis universal: Ramón María del Valle-Inclán. As xornadas, que este ano chegan á súa décimo sexta edición, arrancarán este próximo venres cunha conferencia do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. O cartel completarase cun amplo programa de actividades nos máis variados eidos culturais como poden ser recitais, monólogos, exposicións ou actuacións musicais. Aínda así un dos actos máis significativos destas xornadas, volverá a ser a tradicional ofrenda institucional ante o monumento ó escritor na praza do Cantón da Leña o día 31 deste mes, á que están convidadas diversas autoridades, entre elas o propio conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez.