Dobre asalto polo liderato entre Meira e Amegrove

SALNÉS> Tralo parón da semana pasada propiciado pola disputa do Campionato de España, mañá volta a Liga Galega de Traíñas. A competición regresa ás Rías Baixas onde se celebrarán as dúas probas: a primeira en Rianxo e a segunda o domingo en Moaña. Amegrove e Meira xóganse o liderato.

Recta final para a Liga Galega de Traíñas. Despois desta fin de semana tan só quedarán catro probas por disputarse polo que a marxe de erro redúcese. Sobre todo para o dúo de cabeza. Meira e Amegrove empatan a puntos no máis alto da táboa e saben do pulo anímico que recibirían se saen de Moaña por diante do seu rival.

Samertolameu ten claro que o seu mellor nivel está por vir, xa que pouco a pouco achégase ese mes de setembro para o que leva traballando todo o ano. O mes do playoff.

En Porto Meloxo buscan recuperar sensacións despois dun Campionato de España do que non sacaron conclusións positivas.

Entre o grupo de aspirantes á victoria mañá pola tarde en Rianxo atópase Cabo de Cruz. Os boireses chegan á cita despois de impoñerse na xornada do domingo no Teresa Herrera e rematar así co dominio dos dous de cabeza. Náutico e Chapela buscarán tamén o seu primeiro triunfo.

Na terceira quenda saíran Mecos e Vilaxoán, ambos preocupados en manter a sexta e séptima posición que ocupan na clasificación.

Do resto de embarcacións do Barbanza, Esteirana debería ser a mellor de todas elas. Puebla tentará superar nos tempos a algunha embarcación da segunda tanda mentres que Rianxo, apoiada polo seu público, quererá impoñerse ás Xubias para manterse viva na súa particular loita por eludir a derradeira praza da xeral.

A regata de mañá dará comezo ás 17:30 mentres que o domingo a competición desprazarase ata Moaña, onde a primeira quenda tomará a saída ás 11:30.

Redacción Salnés