Un amigable entre o Kashiwa Reysol de Xapón e o Stuttgart alemán abrirá a fase final da AF7 en Ribadumia

RIBADUMIA> Ribadumia desconta os días para acoller a fase final da Arousa Fútbol 7. A cita culminará a súa vixésimo oitava edición entre o 30 de maio e o 1 de xuño, reunindo con campo de fútbol da Senra a algunhas das promesas deste deporte a nivel mundial. O Fútbol Club Barcelona pelexará por defender o título ante clubs de primeira liña nacional e internacional, como o alemán Stuttgart ou o Tottenham inglés.

O futuro do fútbol nacional e internacional pisará do 30 de maio ao 1 de xuño o céspede do campo da Senra. Ribadumia volve exercer como anfitrioa da fase final da Arousa Fútbol 7, reunindo a milleiros de persoas.

A proba promete un alto nivel competitivo. Comezando polos estranxeiros, serán seis clubs: o Kashiwa Reysol de Xapón, o Tottenham inglés, o Stuttgart alemán e os portugueses Porto, Benfica e Sporting.

Xa a nivel estatal, o Fútbol Club Barcelona defenderá o título de campión que gañou na edición pasada. Estarán tamén o Real Madrid, Valencia, Betis, Sevilla, Espanyol, Málaga ou Levante. O Celta tampouco faltará a esta cita.

O cartel de participantes complétase cos catro equipos que se clasificaron dende a previa do torneo. Son Xuventude Oroso, Val Miñor, San Tirso e Calasanz. A eles unirase o campión autonómico das ligas federadas que coñeceremos esta fin de semana.

Como novidade, este ano as semifinais e a final celebraranse o domingo pola mañá. Os partidos clasificatorios xogaranse o venres e o sábado a dobre campo na Senra. Xa o mércores e o xoves haberá amigables polas tardes. O tiro de saída correrá a cargo do partido entre Kashiwa Reysol e o Stuttgart.