A presión veciñal impide que se execute a orde de derrube do taller Javier Iglesias

    RIANXO > Preto de cen persoas impediron esta mañá o peche do taller de pedra Javier Iglesias situado na parroquia rianxeira de Asados.

    {flowplayer}barbanza/sentenzaderrube.flv{/flowplayer}

    RIANXO > Os veciños de Rianxo demostraron, unha vez máis, a súa solidariedade cunha empresa do municipio ante unha orde de peche de actividade. Desta volta, máis de cen persoas concentráronse perante as instalacións do taller de pedra Javier Iglesias, emprazado no lugar de A Marquesa, en Asados para evitar que se executase a resolución dictada polo concello de Rianxo.

    A media mañá, o xefe da policia local, acompañado dunha funcionaria do concello e de dous axentes da garda civil notificaba ao propietario do negocio a súa clausura. Pero a presencia dos veciños e familiares impediu que se levase a cabo a orde. 

    Vinganza

    Javier Iglesias, propietario do taller de pedra, que está en funcionamento dende 1981 e que dá traballo a catro persoas, agradeceu o apoio veciñal e puxo de manifesto que o peche é unha decisión arbitraria do goberno de Rianxo na busca de vinganza, mesmo adiantándose a resolución da xustiza.

    Hai uns anos, Iglesias denunciou ao concello por conceder licenza a unha empresa de canteiría emprazada a carón do seu negocio, mentras que a el este trámite se lle negou sempre que o solicitou. O Tribunal Superior de Xustiza ordeou hai uns meses o derrubamento da empresa veciña e agora é Javier Iglesias o que está na espera de coñecer a resolución da xustiza no tocante o seu negocio.

    Precisamente o alcalde, Pedro Piñeiro, negou as acusacións realizadas polo propietario do taller, Javier Iglesias, nas que o acusaba de actuar por vinganza. O rexedor rianxeiro sinalou que se trata de situacións ben diferentes.

    Pedro Piñeiro arremeteu contra o propio Javier Iglesias, ó que acusou de se-lo verdadeiro culpable desta situación, ó non querer chegar en ningún momento a un entendemento.

    Redacción Barbanza