
O Conselleiro de Cultura e Turismo estivo no centro arqueolóxico de Neixón, mantivo en Ribeira unha xuntanza cos alcaldes e co sector turístico da bisbarra e realizou a Ruta do Mexillón. Durante a visita, na que estivo acompañado dos alcaldes dos municipios integrados en Arousa Norte, Varela comprometeuse a seguir apoiando o crecemento da Barbanza como destino turístico de calidade.
{flowplayer}barbanza/conselleiroculturabarbanza.flv{/flowplayer}
No encontro, o responsable do departamento autonómico de Turismo coñeceu de preto as iniciativas turísticas que puxo en marcha a Mancomunidade, algunhas con gran éxito coma a Ruta do Mexillón ou os bonos gastronómicos e de turismo rural, que contaron co apoio da Secretaría Xeral para o Turismo.
Roberto Varela insistiu no compromiso da Consellería de Cultura para seguir colaborando co crecemento da comarca como destino turístico, que se reflicte, sinalou, no convenio asinado o pasado mes de xullo ca Mancomunidade por un importe de cento dez mil euros. Con esta achega se reforzará a oferta turística con novas iniciativas como os “roteiros literarios Arousa Norte” ou o paquete “Turismo accesible a persoas con discapacidade visual”, pioneiro en Galicia e no que se traballa en colaboración ca ONCE.
Exemplo de colaboración
Tamén visitou o Centro Arqueolóxico do Barbanza de Neixón, no concello de Boiro no que a Consellería de Cultura investirá quince mil euros para o estudio e divulgación do patrimonio arqueolóxico.
O Conselleiro de Cultura gabou o traballo da Mancomunidade como un exemplo de colaboración entre concellos no eido da promoción turística. Asemade, valorou positivamente o feito de que se conte cas empresas relacionadas cos sectores do aloxamento, restauración e ocio da zona para promocionar un turismo sostible ó longo de todo o ano.
Redacción Barbanza