Portos traballa na restauración do dique do Doque

alvarezcampanaoutes.jpgOUTES> Álvarez-Campana, que inspeccionou as obras do centro multiusos do Freixo, anunciou tamén a construción de novos pantaláns neste porto.

O presidente de Portos de Galicia, Manuel Álvarez-Campana achegouse ata o concello de Outes para inspeccionar o avance das obras de construción dun centro náutico e deportivo no lugar do Freixo, que tamén acollerá unha escola de vela. Estivo acompañado polo alcalde do municipio, Carlos López Crespo, e o patrón maior da Confraría de Noia, Santiago Cruz.
{flowplayer}barbanza/alvarezcampanaoutes.flv{/flowplayer}
Os traballos de construción do centro náutico e deportivo do Freixo avanzan a bo ritmo. Trátase dunha actuación na que colaboran a Xunta de Galicia, a través de Portos, a Deputación de A Coruña e o concello de Outes. O investimento total achégase ós novecentos mil euros, dos cales catrocentos mil os aporta a Deputación, trescentos mil a Xunta e o resto o concello outiense.
Escola de vela
O futuro centro acollerá unha sede para a práctica de deportes náuticos e unha escola de vela. Tamén albergará espazos para actividades culturais e sociais, nun inmoble cun deseño exterior e interior de vangarda. Asemade, a entidade Portos de Galicia habilitará no edificio unha base operativa e loxística para a súa zona marítima.  Está previsto que o novo centro multiusos esté operativo a próxima primavera.
Ademáis deste investimento, Portos de Galicia ten proxectado no municipio outras actuacións. O rexedor de Outes, Carlos López Crespo solicitou a rehabilitación do dique do Doque, unha antiga construción a carón dos asteleiros. Por último, Álvarez-Campana anunciou que se ampliará o porto do Freixo ca instalación de pantaláns que permitiran establecer preto dun cento de novos puntos de amarre para embarcacións pesqueiras, deportivas e bateeiras. Dende a Confraría ven así satisfeita unha demanda reiterada. Os traballos de instalación iniciaranse a principios de ano.
Redacción Barbanza