Alumnos chineses descobren a gastronomía galega no Salnés

SANXENXO> Veñen dende A China e quedaron cativados da nosa gastronomía. Un grupo de alumnos do chef John Rocha participaron esta mañá nunha clase de cociña organizada pola Mancomunidade do Salnés. Os participantes coñeceron de primeira man a calidade dos nosos produtos e mesmo a preparar un menú galego.

Dende unha empanada, ata  unhas zamburiñas, pasando pola internacional tortilla de pataca. Este grupo de alumnos chineses, capitaneados polo chef John Rocha  aprenderon hoxe os segredos da cociña galega, nunha proveitosa clase na que os mestres do obradoiro de cociña da Mancomunidade do Salnés actuaron como anfitrións.

O proceso de elaboración dunha empanada ou mesmo aprender a darlle a volta a unha tortilla cativaron o interese destes alumnos chineses dende o minuto 1. Outro aspecto que tamén chamou a súa atención foi a calidade e variedade dos nosos produtos.

O prestixioso chef que lidera este grupo recoñece sentirse moi atraído pola hospitalidade do pobo galego e pola súa deliciosa gastronomía.  “A pasada noite fixemos unha churrascada e encántanos o polbo á feira, con allada e aceite. Para ser sincero, amamos tódolos pratos que tedes en Galicia.. non podemos elixir só un ou dous, son todos exquisitos”, indica John Rocha.

Dende a Mancomunidade salientan o interese crecente do mercado chinés pola nosa terra, a nosa cultura e a nosa gastronomía.