Novas deficiencias no recente empredrado do casco histórico de Noia

NOIA > O concello de Noia elaborará un informe técnico sobre as deficiencias detectadas na execución do proxecto de renovación do casco histórico.

Estas obras de recuperación dos enlousados tradicionais executáronse no ano 2006 grazas a unha achega de fondos PRODER. Dita actuación ascendeu a un orzamento de preto de 888 mil euros.

O pasado mes de marzo, o concelleiro de Casco Histórico, Bieito González e o edil de obras e servizos, José Rodríguez Agulleiro, acompañados do arquitecto Emilio Piña realizaron unha revisión ás rúas do casco vello que foron recuperadas nesta actuación.

A rúa onde o pavimento se atopa máis deteriorado é a de Xan das Estivadas. Este vial, principal camiño de entrada ao casco histórico de Noia, presenta gran parte do seu enlousado fragmentado. Tamén presentan deficiencias o empredrado os encontros entre a Praza de Guisamonde e a rúa Fanequeira, a rúa Axuda e a de Mazacáñamos.

Reparación das deficiencias

Segundo explicou o concelleiro de Casco Histórico o informe que elabore o arquitecto servirá de base para instar á empresa adxudicataria do proxecto a que repare os desperfectos atopados.

Non é a primeira vez que se detectan deficiencias no pavimento destas rúas tras a execución deste proxecto. En anteriores inspeccións realizadas polas autoridades locais xa se atoparon desperfectos, malia tratarse dunha actuación relativamente recente. Así pois, a empresa tivo que repoñer as lousas levantadas no rúa do Forno e cambiar varios elementos de iluminación encastrada no chan da Plaza da Fanequeira.

Redacción Barbanza