OUTES> O edil de Cultura, Anxo Núñez, acompañado do técnico do seu departamento, Santiago Nieto, foron os encargados de dar a coñecer os detalles desta nova edición, a número 28, do Certame de Poesía Francisco Añón, un dos de maior prestixio e dos máis lonxevos que se celebran na nosa Comunidade.
Ademais de promover a figura de Francisco Añón, un dos principais autores do noso Rexurdimento, o certame literario busca tamén a promover os valores creativo-literarios na nosa lingua.
Nas bases, que xa poden ser consultadas na propia web do Concello, inclúense un total de doce categorías, a maioría delas para escolares ata 17 anos, incluíndo ademais a categoría de adultos.
Poderán participar no certame tódalas persoas que o desexen.
O único requisito é presentar os traballos en lingua galega.
O prazo para facelo prolongarase ata o 1 de abril.
O Concello repartirá uns 2.760 euros en premios económicos. O máis importante, o da categoría de adultos, ascenderá a 1.500 euros.
Tamén se prevé a publicación das obras gañadoras en cada un dos apartados.








