A veteranía de Torres gaña o pulso á renovación proposta por Ruíz

    torrescandidato.jpgRIBEIRA> Xosé Luís Torres Colomer volverá ser candidato á alcaldía de Ribeira polo PP en maio do próximo ano.

    {flowplayer}barbanza/torrescandidato.flv{/flowplayer}

    Non houbo sorpresas e finalmente Xosé Luís Torres Colomer repetirá como candidato á alcaldía de Ribeira polo Partido Popular nas próximas municipais. Así o confirmou o presidente provincial, Carlos Negreira, logo de semanas de especulacións e debate interno sobre a idoneidade de manter ó actual alcalde como cabeza de lista ou, pola contra, apostar pola renovación proposta por Manuel Ruíz quen manifestara o seu desexo a aspirar ó cargo.

    O comité provincial decantouse finalmente polo veterano político como valor seguro para acadar unha nova maioría absoluta en Ribeira. Confían no tirón de Torres de cara a aumentar un deputado e recuperar o goberno da Deputación.

    En canto a Ruíz Rivas, destacan a necesidade de que continúe á fronte da portavocía do parlamento como elemento imprescindible para o PPdeG. Unha decisión que o actual voceiro autonómico acata con espírito de equipo lembrando que as súas aspiracións sempre estiveron condicionadas á vontade do alcalde e do partido.

    ‘Decisión meditada’

    Tentando afastarse da polémica que nas últimas semanas rodeu esta cuestión, no escrito remitido polo comité provincial destacan que se trata dunha decisión meditada, libre de improvisación e moi pensada porque a prioridade, din, foi sempre a de manter aberta a liña de diálogo e acadar o consenso na designación de tódolos candidatos.

    Aínda así, a rivalidade entre Torres e Ruíz quedou ben patente neste proceso no que tanto un como outro contaban con importantes apoios no partido tanto a nivel local como provincial e autonómico. Por este motivo semella bastante improbable que Ruíz acabe por ocupar algún dos postos da candidatura encabezada por Torres, tal e como se chegou a especular.

    Finalmente, a designación de Torres que en moitos círculos xa se daba por feita dende hai días, pecha ás portas a unha posible renovación no goberno e na xestión municipal despois de case vinte anos co mesmo rexedor. Pola súa banda, Manuel Ruíz seguirá a desenvolver unha intensa labor no parlamento. De cara ó futuro, prefire ignorar os rumores sobre posibles pactos que o sitúan como candidato para 2015. Tan só se plantexa seguir a traballar alí onde mellor poida servir ó partido e a Ribeira.

    Redacción Barbanza