Rianxo acollerá a próxima gala dos premios Dolmen de Ouro

    BARBANZA> Será o vindeiro venres 16 de outubro no pavillón municipal e estará organizada pola Asociación Rianxeira de Empresarios en colaboración co propio concello. A xunta directiva da Federación de Empresarios do Barbanza celebrou onte pola noite unha asamblea na que se acordou fixar definitivamente a data da próxima gala dos Dolmen, que este ano chega a súa vixésimo sétima edición. Será o venres 16 de outubro en Rianxo, sendo a asociación anfitrioa, a Asociación Rianxeira de Empresarios, a que deberá encargarse da súa organización. Aínda que nun primeiro momento a patronal comarcal estivo barallando a posibilidade de adiantar esta cita, mesmo a antes do verán, diversos atrancos e trámites de organización impediron realizala con anterioridade. Así as cousas o sistema de concesión dos premios non varía con respecto ó instaurado xa na edición pasada e que se celebrou na vila de Noia. Haberá novamente seis categorías: empresa familiar, implantación de I+D+i, internacionalización, excelencia na xestión, promoción turística e iniciativa emprendedora. As distintas asociacións que integran a FEB poderán presentar as empresas que consideren candidatas e o fallo será emitido de novo por un xurado profesional externo pendente aínda da súa confirmación. Dende a Federación valorouse a excelente acollida da edición pasada da gala dos Dolmen, polo que o desenvolvemento do acto este ano seguirá un esquema similar, buscando a súa fluidez e propiciando o contacto entre os asistentes.