Domínguez pecha unha longa traxectoria política coa súa dimisión

    dimisionxosevicente_100_19122007.jpgRIBEIRA > Tras cinco anos á cabeza dos socialistas de Ribeira, o portavoz do grupo municipal, Xosé Vicente Domínguez, presentou a súa renuncia.

    Domínguez xa manifestara en anteriores ocasións a súa intención de abandonar a política activa polo que a súa dimisión constitúe unha decisión ben meditada. Agora, o edil Toño Novoa ocupará o seu cargo na portavocía do grupo. 

    Nas súas últimas intervencións como portavoz do Partido Socialista en Ribeira, Xosé Vicente Domínguez, aludiu reiteradamente á necesidade dun cambio de rumbo na política municipal caracterizada, na súa opinión, polo ‘clientelismo servil e os favoritismos’. Este mesmo discurso mantén Domínguez no seu escrito de renuncia presentado o pasado luns no concello, poñendo así fin a unha longa traxectoria en primeira liña da política municipal.

    Gran defensor da ideoloxía socialista e dos intereses dos cidadáns por riba dos criterios económicos, Xosé Vicente Domínguez retírase decepcionado ante o que califica de ‘malas maneiras e vicios de xestión’ persistentes no actual goberno municipal.

    Coa súa renuncia cede o paso a outros compañeiros de filas a quen lles augura un gran futuro na corporación e agarda que conten proximamente co apoio da cidadanía para poder constituír un goberno progresista.

    Agora, Xosé Vicente Domínguez poderá dedicarse de cheo á actividade empresarial ó fronte do grupo Marzal que, de seguro compaxinará coa súa faceta de escritor. Hai tan só un mes presentou en Ribeira a súa última novela ‘Allá está Pancho’. Daquela xa manifestara a súa firme intención de abandonar a política activa.

    {flowplayer}barbanza/dimisionxosevicente.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza